Hai moitas formas de violencia contra as mulleres, aquí achegamos algunhas indicacións para poder identificalas.
Violencia física
Inclúe calquera acto
de forza contra o corpo da muller, con resultado ou risco de producir lesión
física ou dano: labazadas, golpes, queimaduras, beliscos, tiróns de pelo,
picadas, empuxóns, lanzamento de obxectos, uso de armas, intentos de
estrangulamento, intentos de asasinato, intentos de provocar abortos...
O maltrato físico é o
máis evidente e o máis doado de demostrar; aínda así, non é preciso que
se requira atención médica ou que teña efectos visibles no corpo. É moi
probable que comece cun simple golpe ou labazada.
Violencia psicolóxica
Inclúe toda conduta,
verbal ou non verbal, que produza na muller desvalorización ou sufrimento:
insultos (expresión como: estás louca, es unha histérica, ignorante, atrasada,
fea); menosprezos (expresións como: non serves para nada, non es capaz de facer
nada ben, mala nai, se non fose por min onde irías?..); intimidacións / ameazas
(expresións como: voute matar, vaite da casa, vouche quitar os/as nenos/nenas,
voute fundir..); abuso de autoridade ( por exemplo: rexistra as túas cousas,
revisa o teu correo, preguntas cousas como “con quen estivestes hoxe?”,
chegastes 10 minutos tarde…); falla de respecto (non respecta as túas
necesidades, sentimentos, opinións, desexos e manipula o que dis, destrúe
obxectos de especial valor para ti, ignora a túa presenza, desautorízate diante
dos nenos/nenas..); esixir obediencia (non quere que a muller traballe fóra da
casa, non quere que estude, quere que se vista como el quere, contrólalle o
tempo, pregúntalle "a que hora chegas?", dille “quita esa roupa e
vístete como Deus manda”…); utilización das fillas e fillos (ameaza con
quitarlle as/os menores, ameázaos e maltrátaos, obrígalle a que fagan de
espías, culpabiliza constantemente á nai); castigar co silencio e
incomunicación (o silencio reiterado pode chegar a ferir tanto como as
palabras); culpabilizar á muller de todo o que ocorre na casa de modo que ao
final ela pensa que é a culpable de todas as situacións de tensión; amosar
celos (acusar constantemente de ser infiel e coquetear con outros homes,
impedir relacións con amigos/as e familiares, illar a muller de toda a súa
contorna...).
O maltrato psíquico é
o máis difícil de detectar, dado que as súas manifestacións poden adquirir gran
sutileza; non obstante, a súa persistencia no tempo deteriora gravemente a
estabilidade emocional, destruíndo a autoestima e a personalidade da muller.
Violencia sexual e
abusos sexuais
Inclúen calquera acto
de natureza sexual forzada polo agresor ou non consentida pola muller, e que
abarcan a imposición, mediante a forza ou con intimidación, de relacións
sexuais non consentidas, e o abuso sexual, con independencia de que o agresor
garde ou non relación conxugal, de parella, afectiva ou de parentesco coa
vítima.
Acoso sexual
Inclúe aquelas
condutas consistentes na solicitude de favores de natureza sexual, para si ou
para unha terceira persoa, nas que o suxeito activo se vale dunha situación de
superioridade laboral, docente ou análoga, co anuncio expreso ou tácito á
muller de causarlle un mal relacionado coas expectativas que a vítima teña no
ámbito da devandita relación, ou baixo a promesa dunha recompensa ou dun premio
no ámbito desta.
O tráfico de mulleres
e nenas con fins de explotación
Inclúe a captación, o
transporte, o traslado, a acollida ou a recepción de persoas, especialmente de
mulleres e nenas, que son as súas principais vítimas, recorrendo á ameaza ou ao
uso da forza ou outras formas de coacción, ou rapto, ou fraude, ou engano, ou
abuso de poder ou dunha situación de vulnerabilidade ou a concesión ou
recepción de pagos ou beneficios para obter o consentimento dunha persoa que
teña autoridade sobre outra, con fins de explotación. Esa explotación incluirá,
como mínimo, a explotación da prostitución allea ou outras formas de
explotación sexual, os traballos ou servizos forzados, a escravitude ou as
prácticas similares. Independentemente da relación que una á vítima co agresor
e o medio empregado.
Violencia económica
Inclúe a privación
intencionada, e non xustificada legalmente, de recursos para o benestar físico
ou psicolóxico da muller e das súas fillas e fillos ou a discriminación na
disposición dos recursos compartidos no ámbito da convivencia de parella.
O maltratador
considera que a muller é incompetente e que non administra ben ou gasta
os cartos en cousas innecesarias, polo que non pode tomar decisións sobre
o destino do gasto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario